OUFF!! Xa pasou…

E alá foi outro ano.

As avaliacións, probablemente escritas con anterioridade á celebración do propio festival, de seguro van confirmar que a actual edición foi un éxito. E máis aínda contando coas adversas circunstancias nas que nos atopamos na actualidade, que dificultan un óptimo desenvolvemento das accións desexada […] Sinalar que se detectou un importante incremento entre o público asistente ás distintas proxeccións e actividades que compuxeron o programa e bla bla bla…

A verdade é que este tipo de análises sempre me provocaron -por que non dicilo?- un pouco de sarabullo. A xeito de leria, lembro un faladoiro no que o tristemente finado Antonio Tabarés -tan vital e falador como boa persoa- contaba umha anécdota sobre a Festa do polbo do Carballinho. Dicía que nas primeiras edicións cometeran o erro de daren cifras que case duplicaban ás do ano anterior, feito que os “obrigou” a iren incrementando o número de participantes até as cifras actuais que, cando menos, son… “curiosas”.

Pois ben, ao noso OUFF pásalle un pouco o mesmo. Como non hai nada que analizar no que atinxe á trascendencia do evento, tanto no ámbito cultural como económico, centramos o foco no número de butacas ocupadas, sen ter en conta a merma no número de salas de exhibición, a reducción de actividades paralelas ou a permeabilidade que o propio festival ten na cidadanía.

E velaí que temos ao “mozo” con 18 anos cumpridos e con tantas variantes, retoques e reinvencións como políticos e aspirantes pasaron polos postos de responsabilidade do OFF, Festival de Cine, Festival de Cinema, OUFF

Non hai profusión de planos nin de encadres. Abonda con un plano enteiro dos responsables políticos de cada edición, con cadanseu sorriso de dentífrico, sesión de raios UVA e traxe negro, defendendo o logotipo da súa leira (cadaquén o seu, sen confusións) para termos a foto-fixa de cada edición. Do demais, pouco que dicir… Consiste básicamente na proxección dun feixe de películas de “difícil” acceso (desde que existe Internet, esta dificultade é moito menor) ao longo dumha semana e a un prezo esaxerado para o contribuínte. Do cinema -como arte ou como industria- pouco queda na cidade. Lamentablemente, a minha opinión sobre o evento en si segue sen variar desde hai moitos anos. Neste mesmo blog xa incluín entradas ao respecto nos 2 anos anteriores.

Cando investimos tanto dinheiro público numha marca e chegamos aos 18 anos, umha porcentaxe moi elevada da cidade debera saber respostar -polo menos- a cuestións tan básicas como en que consiste, onde se desenvolve e en que datas se celebra. Respostas que tristemente non atopamos se damos un paseo pola cidade, e moito máis se nos alonxamos da “milla auriense”.

Hai algún tempo, a fotógrafa e amiga Rosa Veiga, pasoume a foto que acompanho nesta entrada, tirada o 10 de novembro do 1996 no vestíbulo do Teatro Principal. Era umha boa parte do equipo organizador con algúns dos premiados na xornada de clausura da primeira edición daquel OFF. Mirándoa máis umha vez, non podo deixar de sentir certas saudades. Non só por ver a algumhas persoas que xa non están con nós, como o Eloi ou o Rober, senón ao pensar no que puido ser e non foi.

Mentres outros certames como CINEUROPA ou Cans seguen umha traxectoria ascendente, asentándose no mercado da exhibición cinematográfica e audiovisual, Ourense segue buscando as respostas a COMO, PARA QUE, ou PARA QUEN cómpre umha estrutura como a do OUFF xerando un importante gasto corrente anual á cidadanía ourensá e aportando pouco máis que 3 proxeccións cinematográficas ao día durante 1 semana ao ano.

3 pensamentos sobre “OUFF!! Xa pasou…

  1. Véxote vital, o que me alegra muito. Mais, se temos algo nas nosas mans que poidamos facer…pois é unha mágoa que escaparates, puntos de encontro e de intercambio,esponxas do que se fai por lonxe non teñan vida longa, tan necesitados como estamos hoxe en día de que aire fresco circule polas nosas vidas e o audiovisual pode aportar unha boa dose.

    Gústame

Deixar umha resposta