Dereito a chorar

Que fácil é facer que a xente crea umha mentira,
e que difícil é desfacer novamente ese traballo

Mark Twain

Does anybody know what we are looking for?
Se conseguiramos trascender a esas obrigas e necesidades que experimentamos cada día como espanhois de ben (que ganhe o noso equipo de fútbol ou o noso partido político e -principalmente- que perda o rival, para poder rir del e humillalo en publico), colexiriamos sen demasiada dificultade en que nin Puigdemont, nin Aragonés, Torra, nin Mas (ufff, xa case non lembramos quen era este “demo“), presiden ningumha organización terrorista. Saberiamos sobradamente que Podemos non foi financiado por Irán (lugar desde onde, casualmente, si se financiou a un dos partidos responsables desta mentira), e teriamos claro que Oskar Matute non ten, nin tivo nada a ver con ETA, sendo na realidade un dos deputados máis combativos coa banda terrorista nos seus anos de parlamentario en Vitoria-Gasteiz.

Pero, sexa porque contemplar os insultos e descalificacións a outras persoas (a priori, máis afortunadas ca nós) faille ben á nosa frustración, ou sexa porque as mentiras e as inxurias riman ben no coro do absurdo co que decidimos afinar (pouco ou nada importa que non contenhan un aruxo de verdade), seguimos reforzando os postulados da lei de Brandolini ou do efecto Dunning-Kruger, mentres confiamos que umha frase curta no bar sexa máis que abondo para demostrar a nosa [in]competencia en deixarmos ás nosas fillas un mundo mellor do que atopamos.

Nun artigo aparecido no xornal El País o 17 de febreiro de 1998, que facía alusión á entrevista que ía publicarse na revista Tiempo uns días máis tarde, o 23 de febreiro dese mesmo ano, Luis María Anson, ex director do ABC, aseguraba que [para terminar con Felipe González] “al subir el listón de la crítica se llegó a tal extremo que en muchos momentos se rozó la estabilidad del propio Estado.” Desde entón até hoxe, a crispación na política non ten feito outra cousa que ir a máis… polo menos, cada vez que a dereita está na oposición e tenta recuperar o que considera seu por dereito divino: o Poder.

Does anybody know what we are living for?
A perigosa deslexitimación das institucións democráticas ou os insultos diarios e continuados cara o rival político que se pretende desacreditar (sen importar a gravidade das palabras nin o lugar que ocupa a persoa) fan que acabemos desconfiando das persoas acosadas, e non así das acosadoras nin das inductoras ao acoso, aínda que finalmente descubramos que fomos vítimas dun engano por parte destas últimas. Sen saber moi ben o porqué, mais que ouvirmos ducias de veces cada día calificativos esaxeradamente subidos de ton numha boa parte dos medios de comunicación e noutros espazos dixitais creados exclusivamente para difundir este tipo de trolas, acabamos asimilando parte desas mentiras e mesmo empregamos os insultos verquidos para designar ás persoas atacadas, aínda que sexamos completamente incapaces de xustificar esta decisión.

Show must go on
Pero nos escenarios. Na política faise necesario recuperar a senda do diálogo, do respecto e da tolerancia. Levamos anos vivindo verdadeiros ataques á democracia através dalgúns casos de acoso construídos desde a [des]información e a [in]Xustiza, que ruborizarían a calquera que non pretendera dar un golpe de Estado. Faise cada vez máis urxente democratizar a sociedade, non deixar sitio para as falacias e as alburgadas que favorecen aos nosos, pero que -sen dúbida- han impedir no futuro a existencia doutras albugardas que poidan prexudicalos.
O show non debe continuar na política. Non precisamos de farsas nin de cantantes. Nin de showmen tv nin de togas con olor a alcanfor e a Soberano. Cómpre aillar aos traidores que prefiren un país roto e enfrontado antes que un país forte e próspero, gobernado por quen pensa distinto.

E, por certo, os lugares nos que non se poida chorar, rir ou amar, non pagan a pena seren vividos, polo menos por quenes priorizamos a especie humana por enriba da política e dos negocios.

Deixar umha resposta