O maio que eu quero

Pascual Madoz (1845-50). Apartado na definición de Ourense

Cando eu me atopare
de donos liberto
i o pan non mo quiten
trabucos e préstemos
e como os do abade
frorezan meus eidos,
chegado habrá entonces
o maio que eu quero.
Curros Enríquez

Floreceu o maio deste 2020. E aínda rebordou enerxía e vida na xornada confinada do pasado domingo 3 de maio, 22 anos e 1 día despois do pasamento de Xosé Ramón Fernández-Oxea.

A previsible cancelación de todas as actividades que deron e dan forma á identidade ourensá (confirmada na triste xornada do 22 de abril), fixo emerxer umha resposta espontánea xurdida entre persoas e colectivos que se atopan no contorno da festa dos Maios. Desde o confinamento das nosas casas deixamos claro que estabamos dispostos a procurar e artellar alternativas para evitarmos que o 2020 pasara a Historia por ser o terceiro ano -despois dos dramáticos 1937 e 1938- no que Ourense non celebrara a chegada da primavera e o renacer dos campos. Abondou, pois, o interese cidadán para evitar que se cancelara umha das datas máis importantes do noso calendario festivo e patrimonial através dumha receita baseada en amor polo noso e gana de traballar.

Os números deixados pola convocatoria #CantádemeUnMaio, que co tempo pasará a ser a edición dos Maios de 2020 (a primeira edición na Historia da que se desentende o concello de Ourense) falan por si mesmos: máis de 400 persoas presentaron 89 iniciativas absolutamente fabulosas, dispares e enriquecedoras.

  • 53 propostas de Maio, algunhas das cales achegaban -á súa vez- varios modelos dentro da mesma proposta, podendo ver até 70 maios en videos de coplas e participacións recibidas. En proporción, víronse máis maios alternativos, aínda que os realizados con elementos vexetais ocuparon un lugar importante, chegando a visualizar unha ducia de maios de tamanho e feitura semellantes aos que participan tradicionalmente na festa.
  • 58 Coplas, con e sen acompañamento musical, co canto típico de Ourense ou con outros, en multichamada ou grabadas… que falaban das cancelacións do concello de Ourense ou dos recortes sanitarios, aínda que -como tamén era lóxico- tinhan como tema principal o confinamento ou o Coronavirus e deixaban ao Fernando Simón convertido nun verso en si mesmo.
  • 4 desenhos gráficos, 8 ramos nas portas das casas ou un grupo de vecinhas e vecinhos da rúa ourensá López Ferreiro, que saíron ao mediodía a cantar as coplas aos seus balcóns, despois de colocar o maio no medio da rúa e antes de levarllo como agradecemento polo seu traballo nesta crise ao persoal do Complexo Hospitalario.

Canto medrou a nosa autoestima ao ver que a festa dos Maios non está en continuo perigo de extinción! Cantas portas se abren ao comprobar que o amor e o respecto polos Maios seguen a flor de pel! Queremos a festa dos Maios como quen cre no seu futuro através dos ollos das xeracións máis novas. Queremos a festa dos Maios como quen coida os rituais e os costumes recibidos de quenes herdamos a vida e o mundo tal e como o conhecemos. Queremos a festa dos Maios como quen quere ter espazos para a convivencia, plurais, participativos e sen complexos, pero ben arraigados na nosa Cultura… en nós mesmas/os.

Cumpría saber se a institución que mantemos e pagamos todas as ourensás e todos os ourensáns tomou nota do acontecido. Sería bon conhecer se os perspicaces prebostes da Cultura municipal viron a fortaleza desta grande participación ou albiscaron umha oportunidade na natureza da convocatoria. Algo -se cadra- puidera aportar para dar pulo a umha das 2 festas de interese turístico coas que conta a cidade de Ourense. Un “título” no que a concellaría de Cultura centrou boa parte dos esforzos nos últimos anos e que, por ter, nin sequera ten un sitio web no que amosar as particularidades da festa, a súa Historia e as súas historias ou as participacións de cada ano.

Tempo haberá para debater se o Maio está encorsetado. Se non soubo, non quixo ou non deixamos que asimilara e adoptara o sotaque -e mesmo as linguaxes- das últimas xeracións… Polo de agora, ben poderiamos empregar un instantinho en pensar que se umha boa parte das vivendas ourensás colocan umha árbore no Nadal, talvez non sería demasiado complexo imaxinar un maio (xa iría collendo forma o elemento en si) nestes mesmos fogares coa chegada do mes das flores. Quen sabe se tería cabida un Maio xigante no torreiro dumha das principais festas da cidade… O “Ourense exterior podería ter un oco na celebración… Oralidade, literatura, humor, gastronomía, desenho (gráfico e de moda) na terra das desenhadoras e dos desenhadores, agricultura ecolóxica… Todo suma se non perdemos a esencia, mantemos o respecto e seguimos construindo umha festa que cautive a máis xente e que sexamos aínda moitos máis os que esteamos orgullosos dela.

 

Deixar umha resposta