O Pinhor da Carminha

Non ti ho fatto né celeste né terreno, né mortale né immortale,
perché di te stesso quasi libero e sovrano artefice ti plasmassi
e ti scolpissi nella forma che avresti prescelto

Giovanni Pico della Mirandola

Arturo BaltarA Bilbaína

No ano 2003, no marco dumha conferencia celebrada no Nexus Institute de Amsterdam, George Steiner afrontaba umha definición da identidade europea, sempre pendente na histórica tentativa de constituír un espazo político común.
Con unha proposta baseada en cinco axiomas, Steiner falaba dun continente herdeiro da filosofía de Atenas e da relixiosidade de Xerusalén. Pero, ademais destas 2 evidencias, debuxaba o intelectual francés un territorio concibido con dimensións e distancias a escala humana, cruzado con rueiros cheos de memoria e ocupado por cafés-tertulia que nos permitirían trazar o continente dumha a outra vila, como naquela vella lenda do mono que podía atravesar a península sen baixar das árbores.

E é que tanto ten se falamos do salmantino café Novelty ou do café Manuela, en Malasanha (ambos frecuentados pola nosa Carminha en distintos momentos da súa vida). Tanto ten que pensemos no madrilenho Café Gijón (onde Carmen Martín Gaite acadaba o seu primeiro galardón por El balneario), na Bilbaína, en plena rúa do Paseo ourensán, (perfectamente recreada por Arturo Baltar nun dos seus retablos), ou no Regueiro, en San Lourenzo de Piñor. Todos eles axudan a conformar o mapa de Europa e revelan a súa esencia mesma através das relacións que no seu interior teñen lugar.

Por outra parte, as distancias europeas posúen umha escala humana e transitable, podendo ser dominadas polo viaxeiro, como ponhen de manifesto os mil e un caminhos existentes no vello continente. En palabras do propio Steiner: Europa é aquel lugar onde ao camiñante “nunca lle parece estar moi lonxe do campanario da próxima aldea1.

Nos bosques pénsase moi ben2, recomendáballe á Sara Allen aquela alter-ego de Carminha convertida en espírito da estatua da liberdade. Con toda certeza, Miss Lunatic posuía unha alma europea. A alma dun verdadeiro flâneur, aquela imaxe de paseante creada por Baudelaire para quen “a multitude é o seu elemento, como o ar para os paxaros e a auga para os peixes3, que se despraza lúcida por rúas e caminhos, explorando conscientemente cada rincón da contorna e aberta sempre a calquera eventualidade que se cruce na súa ruta. Aínda que talvez encaixe mellor aínda numha revisión máis actual do concepto, na que Anna María Iglesia reivindica o papel da flâneuse non tanto como paseante, “senón como crítica, como ensaísta, é dicir, como voz pública“, aquela que “apropiándose das rúas e do espazo público, propón un contra-relato, contesta o discurso ou en palabras do escritor e ensaísta Marcelo Cohen, cuestiona o discurso de Estado, o discurso que conforma o todo social4.

Umha flâneuse en Manhattan ou na Pipileira, no Campo de Roma ou en Malasanha, nas Penas de Ousande ou no Horto de Calisto e Melibea, contemplando o mundo desde o mesmo núcleo e “facéndose unha soa carne coa multitude3. Uns paseos polas rúas e prazas das cidades, vilas e aldeas onde perviven os nomes dos ombros de xigantes sobre quen caminhamos cada día, asentando as bases das sociedades actuais. Xigantes da Ciencia, xigantes da filantropía, xigantes da acción social, xigantes da Literatura e das Artes entre os que xa se atopa Carmen Martín Gaite, como umha xigante do Pinhor universal á que temos que lembrar, respectar e celebrar.

Martín Gaite ven para nos lembrar o pasado do noso territorio como faro cultural de potente luz, tanto para o resto do país como do continente. E é que vivimos nun dos territorios con maior presenza de románico en Europa, un feito este que -en por si- xa debera de nos facer pensar nun pobo culto e cultivado en plena Idade Media. Un pobo que acolleu ao Ourense do Rexurdimento, con Curros Enríquez, Filomena Dato ou Lamas Carvajal; ao Ourense de Nós, con Cuevillas, Risco ou Otero Pedraio; ao Ourense cinematográfico, con Antonio Román, Carlos Velo ou Xosé Suárez; ao Ourense do Volter, con Quessada, Acisclo ou Buciños; ao Ourense da moda, con Adolfo Domínguez, Roberto Verino ou Purificación García… Moitos ourenses que nos reclaman, un tanto decepcionados, desde o fondo da conciencia colectiva, que deixemos as babecadas das orquestras hiperdecibélicas e voltemos a ler textos por enriba dos 150 caracteres, liberándonos da dependencia que temos de iluminados, impostores e vende-fumes.

Voltando á nosa Carminha, cómpre dicir que non hai ninguén mellor que David González Couso para nos introducir naquel Pinhor concibido pola filla de dona Marieta.

Aínda que xa nos conheciamos anteriormente, por termos a sorte de compartir o mesmo lugar de orixe, ao pé do Val de Gola, no barrio das Eiroás; foi na Casa da Cultura de Allariz no ano 2008 cando escoitei falar ao David por vez primeira sobre Carmen Martín Gaite. Escoitar a paixón, o agarimo e a tenrura coa que David González disertaba sobre Carminha, espertou a minha atención pola escritora, amais de me descubrir a relación que a neta dos “nosos” Gaite tiña con San Lourenzo de Pinhor.

Co paso dos anos, González Couso non fixo máis que afondar na investigación e no conhecemento da persoa e da personaxe, sendo quen de nos transmitir esa curiosidade por umha das autoras -ao meu ver- máis extrovertidamente introvertidas da nosa literatura. Un traballo excelente que sitúa a San Lourenzo de Pinhor no mapa da literatura universal, ollando cara o futuro pero sen esquecer o pasado, desde umha óptica honesta e respectuosa que -sen dúbida- ha de afortalar a nosa identidade nos tempos que están por vir.

Pola minha parte, pouco máis queda que proponhervos imitar á carapuchinha martingaitiana. Meter umha moeda na ranhura e berrar «Miranfú!», antes de estender ben os brazos e mergullármonos na obra de Carmen Martín Gaite, deixándonos sorber por umha corrente de ar temperado que ha de nos levar na procura da Liberdade.

San Lourenzo de Piñor (Barbadás), 11 de maio de 2024
(realizado para a presentación do David G. Couso na 2ª edición do paseo literario
O Piñor de Carmen Martín Gaite“)

1 Steiner, G. (2005). La idea de Europa. Ediciones Siruela
2 Martín Gaite, C. (1990). Caperucita en Manhattan. Ediciones Siruela
3 Baudelaire, C. (1863). El pintor de la vida moderna. Alianza editorial
4 Iglesia, A.M. (2019). La revolución de las flâneuses. Wunderkammer

Carmen Martín Gaite en S. Lourenzo de Pinhor. 1946

Deixar umha resposta